O anteproxecto de reforma do Código Penal, elaborado polo ministerio de Xustiza que dirixe Alberto Ruiz-Gallardón Jiménez, fundamenta algunhas das súas “medidas de seguridade” máis polémicas na peligrosidad del sujeto. Isto é, non fundamenta as “medidas de seguridade” nos delictos cometidos, senón naqueles delictos que, segundo a clarividencia da autoridade, o “suxeito perigoso” podería cometer no futuro.
¿Quen son eses suxeitos perigosos? Se isto fose unha novela distópica, os disidentes políticos encaixarían na categoría. É previsible que unha tempada no cárcere manteña intactos (ou radicalice aínda máis) os pensamentos de moitos opositores.
Pero a realidade é dura: os máis prexudicados na redacción do anteproxecto son os enfermos mentais inimputables. Parece unha reacción infantil por parte dun lexislador ávido de castigos exemplares e terribles. Como non podo impoñerlles unha pena, impóñolles unha “medida de seguridade” que pode chegar a ser perpetua. Se esta reforma sae adiante, os manicomios volveranse encher e os psiquiatras volverán ser policías.
Non servirá de nada o consenso xurídico, expresado por exemplo na Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade, texto que asinou e ratificou España. Tampouco non servirá de nada o consenso científico, expresado por exemplo no Manifiesto de Oviedo (elaborado pola Sociedad Española de Psiquiatría, a Sociedad Española de Psiquiatría Biológica e a Fundación Española de Psiquiatría y Salud Mental, 11 – XI – 2011):
[…] la peligrosidad y relación con actos violentos de la persona con enfermedad mental no es la norma habitual en su comportamiento y han de considerarse, tal y como son, hechos aislados […]
Para profundar, recomendámo-la lectura do artigo “Anteproyecto de reforma del Código Penal: el regreso al enfermo mental como ‘sujeto peligroso'” (alansaludmental.com, 8 – II – 2013)
Enlaces relacionados:
- Manuel Girón: “Mis padecimientos son su negocio” (vientosur.info, 17 – I – 2013)
- “FEAFES considera que el anteproyecto de reforma del Código Penal vulnera los derechos de las personas con trastorno mental” (FEAFES, 22 – II – 2013)
- “Comentario sobre la propuesta del anteproyecto de modificación del Código Penal en relación a las medidas de seguridad” (Grupo de Ética y Legislación, Asociación Española de Neuropsiquiatría, marzo do 2013; versión en PDF)