Os martes, meu tío e os extraterrestres

Hoxe queremos agradecer á Associació de Bipolars de Catalunya (ABC) que doase á nosa biblioteca un libro en cuxa publicación participaron desde o inicio. O libro leva por título Os martes, meu tío e os extraterrestres e está pensado para contar ós nenos en que consiste o trastorno bipolar.

O protagonista, un neno, ve cada martes a seu tío, que padece un trastorno afectivo bipolar. O neno observa, e sofre, os cambios no comportamento e sobre todo nas emocións de seu tío. Nos períodos de eutimia, tío e sobriño teñen unha relación magnífica, pero nos episodios de (hipo)manía o tío parécelle “un extraterrestre exaltado porque encontrou un novo planeta”, e nos episodios de depresión parécelle “un extraterrestre desolado porque non pode volver ó seu planeta”.

O autor do texto é Dídac Micaló Rebaque, o autor das ilustracións é Roger Ballabrera Gómez, e a revisión científica fíxoa o doutor en Psicoloxía, especialista en trastornos bipolares, Francesc Colom i Victoriano.

Que saibamos, hai dúas edicións deste libro, unha en catalán, Els dimarts, el meu tiet i els extraterrestres e outra, en español, Los martes, mi tío y los extraterrestres. Pero lamentablemente ningunha destas edicións está á venda. Quizá nun futuro próximo poidamos ter, mediante crowdfunding ou doutro xeito, unha edición venal. E quen sabe se incluso poderemos traduci-lo conto ó galego, para así sentírmonos un pouco menos extraterrestres… 🙂

Para saber máis, podedes consulta-la nota de prensa que fixo a ABC cando se publicou o libro (marzo do 2012).

Acerca de asbiga

asbiga@asbiga.org Tf: 675939716 Séguenos en facebook: https://www.facebook.com/ASBIGA Tamen en INSTAGRAM @AsbigaGalicia
Esta entrada foi publicada en ABC, ASBIGA. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará