As categorías diagnósticas deben usar criterios científicos

As categorías diagnósticas deben usar criterios científicos. Parece unha cuestión elemental da práctica clínica baseada na evidencia, incluso de sentido común. Pero lamentablemente as principais clasificacións de enfermidades (ICD-10 e DSM-IV-TR) seguen a catalogar a moitas persoas con categorías como transsexualism, gender identity disorder (GID) ou gender dysphoria.

É ben triste que, para acceder a determinados servizos de saúde, moitas destas persoas deban recibir primeiro un diagnóstico psiquiátrico. Os “especialistas” saben, ou deben saber, que unha persoa cun diagnóstico non é necesariamente un enfermo. Pero a persistencia burocrática das etiquetas e o estigma social aparellado alimentan, nos “profanos”, a impresión contraria.

Os erros destas categorías diagnósticas son tan claros que so unha cegueira cultural (por exemplo, un fundamentalismo relixioso) impediría velos. Unha teima en ver ás persoas como certa tradición di que “deberían” ser, en lugar de observalas como son, segundo a súa manifestación empírica. En primeiro lugar hai que facer distinción, aínda que sexa de forma superficial, entre sexo (realidade biolóxica pero tamén administrativa) e identidade de xénero (construída por cada persoa no seu contexto social e cultural).

En segundo lugar hai que diferenciar, como fan os protocolos clínicos estándar da World Professional Association for Transgender Health entre a gender nonconformity (a expresión de características de xénero, incluídas as identidades, que non están estereotipicamente asociadas co sexo asignado ó nacer, que é un fenómeno humano común e culturalmente diverso, e que non debe xulgarse como inherentemente patolóxico ou negativo) e a verdadeira gender dysphoria (sufrimento causado por unha discrepancia entre a identidade de xénero dunha persoa e o sexo asignado ó nacer a esa persoa, cos roles de xénero e/ou coas características sexuais que conleva ese sexo). So algunhas persoas gender-nonconforming experimentan a verdadeira disforia de xénero nalgún momento das súas vidas. E aínda podemos dicir máis, a maior parte dos que sofren esa disforia viven un conflicto que non é endóxeno no seu psiquismo, senón que vén causado por un medio represivo ou discriminatorio do que son víctimas.

Porque debemos reivindica-la dignidade de todas e cada unha das persoas, porque a diversidade enriquece o mundo, Carla Antonelli, veterana defensora dos direitos LGBTQ, encabeza unha petición para que a transexualidade desapareza da lista de enfermidades mentais. É de xustiza.

Acerca de asbiga

asbiga@asbiga.org Tf: 675939716 Séguenos en facebook: https://www.facebook.com/ASBIGA Tamen en INSTAGRAM @AsbigaGalicia
Esta entrada foi publicada en Direitos Humanos. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará