Psicoeducación
A psicoeducación é a educación formal, teórica e práctica, dirixida ós pacientes e ós seus achegados para que coñezan mellor a enfermidade e o seu tratamento, así como as habilidades cognitivas e conductuais que lles axudarán a normaliza-la súa vida cotidiana. O máis recomendable é que os cursos de psicoeducación os impartan profesionais da saúde (médicos, psicólogos, enfermeiros, etcétera) e que se fagan en pequenos grupos.
No caso do trastorno afectivo bipolar aconséllase que os pacientes leven varios meses en eutimia (sen episodios de manía ou depresión). Está comprobado que a psicoeducación, xunto co imprescindible tratamento farmacolóxico, prevén as recaídas nunha porcentaxe significativa.
Beneficios
- Informa dos hábitos de vida saudables e daqueles que deben evitarse
- Desenvolve recursos metacognitivos e habilidades conductuais para manexa-los síntomas da enfermidade
- Contribúe a acepta-lo diagnóstico e a refuga-los estereotipos que o estigmatizan
- Fomenta a adherencia ó tratamento, e isto é fundamental, porque o abandono provoca recaídas